Un xurado de luxo para a renovación da praza máis céntrica de Ponteareas

A praza de Bugallal do Concello de Ponteareas foi a protagonista do primeiro encontro que mantiveron os membros do xurado do concurso convocado para a súa renovación. Seis técnicos visitaron a Praza de Bugallal para logo abrir os sobres dos cinco proxectos participantes.

Neste primeiro encontro celebrado no salón de plenos do Concello de Ponteareas estiveron presentes a arquitecta e o enxeñeiro municipal ademais dos catro expertos en arquitectura e urbanismo, membros do xurado, e os representantes dos distintos grupos da corporación. 

Un xurado de luxo para unha das prazas máis senlleiras e relevantes da cidade. Ese era o obxectivo do goberno de Ponteareas cando puxeron enriba da mesa o proxecto de renovación, atopar a solución de mellor calidade para unha praza que é o centro da actividade social da veciñanza.

En Ponteareas déronse cita os máis prestixiosos e recoñecidos profesionais do urbanismo e a arquitetura como Elisa Valero Ramos, unha das dúas catedráticas de urbanismo  e membro do Departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica da Universidade de Granada que se desprazou a Ponteareas para estudar os proxectos presentados.

No xurado tamén está o afamado arquitecto Jesús Irisarri profesor de arquitectura e do master Ciudad y Sostenibilidad da E.T.S de Arquitectura de Sevilla e do paisaxe Juana de Vega; ex codirector da revista Obradoiro do COAG e gañador de premios como o FAD, o European Galvanizing Awards, o Premio Europeo de Espazo Público, o SICE ( Sostibilidade, Innovación e Calidade na arquitectura do Consello Superior de Arquitetos de España), o LAMP, dous veces seleccioando ao premio Mies Van der Rohe, premio da Bienal de Arquitectura española, ATEG da Sociedade de Galvanización e moitos máis premios e recoñecementos entre os que se atopan os recibidos polo COAG.

Outro dos membros do xurado que estivo presente no encontro foi unha arquitecta do Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o enxeñeiro e membro da Xunta rectora do Colexio de Enxeñeiros Francisco Alonso Fernández.

O xurado valorou catro das cinco propostas descartando a quinta ao ter o nome do estudo reflexado no certificado de correos e non contar co lema indo en contra do indicado nas bases. 

Nas propostas buscaron unha solución integral que permita a actividade lúdica e cotidiá da praza, que posibilite o fluxo da circulación, que teña zonas verdes, que respecte o patrimonio, que sexa un modelo aplicable ao resto do entorno e que coincida cos obxectivos de desenvolvemeto urbanístico contemplado na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”. 

Ademais da obra en superficie, o goberno de Ponteares aproveitará para facer unha análise do estado do saneamento nesta zona e detectar posibles melloras a realizar. Para isto introduciránse cámaras por dentro das tubaxes existentes que permitirá n revisar paredes e conexións que perden auga e coñocer así o estado actual verificando se están en condicións de prestar o servizo axeitado, de non ser así o proxecto financiará a solución necesaria para que a rede preste o servizo correcto.

Este xurado, composto por catro arquitectos e dous enxeñeiros, avala as intecións do goberno ponteareá de obter o mellor proxecto para a praza e que sexa un proxecto de futuro que prevea os posibles usos e siga as liñas estéticas e de calidade marcadas na estratexia.

A totalidade dos técnicos do xurado avalaron por unanimidade o proceso seguido decidindo continuar coa mesa ao dar o concurso cumprimento á legalidade.

En relación á ausencia dos grupos ACIP e PP na apetura dos sobres, o goberno lamenta que se ausentaran e cre que se debe a que non comprobaron que dende o pasado día 15 estaba publicado no perfil do contratante da páxina web do Concello. O goberno agarda que, unha vez comprobado todo o proceso, que conta con todos os avais técnicos e xuridicos, se volvan incorporar ao proxecto.