A Xunta reclama agora débedas de 1998 a 2001 ao Concello de Ponteareas

O requirimento do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de 13.306,4 euros, trata sobre o actual local da Ludoteca Municipal do que o concello só pagou 3.324 euros cando asinou a compra en 1997

O Concello de Ponteareas ven de recibir unha reclamación do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, no que demanda o pago de oito cotas de 1.663,30 euros cada unha, que o concello se comprometera ante notario a pagar nos meses de febreiro e agosto de 1998 a 2001

A Xunta acordou agora, tras máis de 18 anos, que a débeda existía e trasladou a reclamación ao Concello. Xa non é a primeira vez que o actual Goberno leva unha sorpresa con débedas totalmente descoñecidas, esquecidas nun caixón como consecuencia da desastrosa xestión económica do anterior goberno e tamén pola diferente “vara de medir” da Xunta.

 “Parece como si a Xunta descubrise no último ano todas as débedas de Ponteareas, débedas acumuladas durante décadas polos gobernos do PP”, afirmou o concelleiro de Facenda, Francisco F. Alonso. A Concellería de Facenda solicitará do IGVS explicacións detalladas desta situación, así coma os trámites realizados a longo destes anos para o cobro destes débedas.

O alcalde, Xosé Represas aclarou que “o goberno que presido vai cumprir con todas as súas obrigas e está realizando unha xestión económica rigorosa, pero imos defender enerxicamente os intereses municipais. Non imos consentir que a Xunta cargue sobre este goberno posibles tratos de favor aos gobernos anteriores do PP, aos que non lle reclamaba as débedas cos distintos departamentos da Xunta”.

O local, hoxe en día a Ludoteca, é un baixo transferido no ano 1997 ao Concello de Ponteareas por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de 68 metros cadrados nunha venda aprazada cunha entrada de 3.324 euros e oito prazos de 1.663 euros, que deberían ser pagados cada febreiro e agosto desde 1998 a 2001.