A Xunta pon reparos á aprobación definitiva do PXOM de Ponteareas

O Goberno local vén de solicitar unha reunión urxente coa conselleira de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para tratar sobre os reparos e modificacións que se teñen que realizar no PXOM para a súa aprobación definitiva e convoca, para este xoves, unha reunión dos portavoces municipais cos técnicos da empresa redactora do Plan.

O Goberno local de Ponteareas recibiu o pasado venres unha resolución da Dirección Xeral de Urbanismo na que, segundo o Concello Ponteareán, “pon en cuestión algunhas partes do Plan Xeral de Ordenación Municipal” amais de marcar, sinala o executivo que preside Xosé Represas “as directrices para moitas das modificacións técnicas que hai que realizar”.

Algunhas das obxeccións formuladas dende a Dirección Xeral, emanan “do tempo transcorrido na tramitación do documento sen que se realizaran os cambios necesario”, polo que o Goberno solicitará á empresa redactora do PXOM “que poña os medios precisos para dar resposta a ditas obxeccións co rigor requirido”

Doutra banda, sinala o Concello de Ponteareas, moitos dos reparos que pon á Dirección Xeral de Urbanismo á aprobación definitiva do Plan “precisan dunha análise detallada en canto á normativa de aplicación en moitas das obxeccións”. O Goberno local tamén amosa a súa preocupación polo feito de que a resolución “poña en cuestión parte das zonas de crecemento de Ponteareas”

A concelleira de urbanismo tamén manifestou a súa estrañeza polas obxeccións que se formulan sobre varios solos consolidados e que, a Dirección Xeral de Urbanismo, indica que deben figurar como “non consolidados”.

Estas e outras moitas cuestións relativas ao PXOM ponteareán son as que o Goberno local quere tratar coa conselleira de Medioambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, coa que solicitouse unha reunión “na que se poida acadar unha solución urxente ao planeamento urbanístico de Ponteareas”, sinala o rexedor municipal.

Para o goberno municipal, a solución ao PXOM de Ponteareas “só é posible pola vía do consenso” e lembra que foi ese consenso “o que permitiu a súa aprobación provisional de hai un ano no que só tivo un voto en contra”. Agardan “esa mesma disposición de consenso por parte da Xunta de Galicia para lograr a aprobación definitiva do planeamento de Ponteareas”.

Lembra a concelleira de Urbanismo de Ponteareas que o ordenamento urbanístico “é fundamental xa que é preciso dar seguridade xurídica á veciñanza e ás empresas”. Un concello, co seu planeamento urbanístico suspendido dende o 2002 “está abocado á parálise do seu desenvolvemento”, apunta María Jesús Garrote que engade que nestes meses, o Goberno local “fixo todo o que estivo na nosa man para solucionar esta situación e agora é imprescindible a implicación da Xunta de Galicia para rematar o proceso”.