A Consellería de Traballo e Benestar, dentro do plan de subvencións ás entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), concedeulle ao Concello de Ponteareas unha subvención por importe de 108.046,33 euros para a contratación laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.
O Concello de Ponteareas, así pois, contratará un total de 20 traballadores, tras a selección efectuada estes días, na que formou parte do tribunal un representante do departamento da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Os seleccionados destinaranse a obras de revalorización de espazos públicos, desenvolvendo traballos en vías e obras, medio ambiente ou en edificios públicos durante o período de sete meses.
Para poder participar neste proceso, as persoas remitidas polo Servizo Público de Emprego tiñan que ser persoas en situación ou risco de exclusión social cunha antigüidade mínima de seis meses como perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga).
Nesta época de crise que nos tocou vivir, afirma o rexedor ponteareán, Salvador González Solla, é necesario atender ás necesidades daquelas persoas máis vulnerables, garantindo o seu dereito ao desenvolvemento dunha actividade profesional, proporcionándolles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa integración no mercado laboral.