Xosé Represas considera “clave” a unidade das forzas políticas e sociais para que Fomento execute a circunvalación e a mellora da seguridade da N-120

O alcalde de Ponteareas, que cualificou de “positiva” a previsión de investimentos dos Orzamentos Xerais do Estado, adiantou que activará unha Comisión de Seguimento na que estean representados colectivos sociais, veciñais e empresariais

 O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, vén de facer un chamamento á unidade das forzas políticas e sociais do municipio para que a Circunvalación de Ponteareas e as obras de mellora da N-120 “execútense sen mais demora”. Represas amosou a súa satisfacción tanto polas previsións que, para o municipio, figuran nos Orzamentos do Estado para este 2017, coma polos compromisos que este documento acada ata o 2020.

Se ben, lembra o alcalde ponteareán, noutras ocasións ─incluído o 2016─  “figuraron partidas nos Orzamentos que nunca chegaron a executarse”, neste caso hai unha diferencia substancial xa que, puntualiza Xosé Represas, “hai un compromiso plurianual de investimento para executar a circunvalación ata 2020”.

Dado que segundo o rexedor municipal, esta previsión conta “con maior rigor” que outras anteriores, o alcalde de Ponteareas amosa a súa firme intención de “poñer todo o que estea na nosa man para rematar con esta situación que se arrastra xa dende hai 20 anos”.

Xosé Represas, non dubida á hora de sinalar que estas actuacións “son primordiais para o municipio”,  polo que activará unha Comisión Municipal de Seguimento, na que estean representados colectivos veciñais, sociais e empresariais, amais de todos os grupos da Corporación Municipal.

Dita Comisión, explica o alcalde, terá como finalidade “facer un seguimento dos compromisos do Estado para a execución da Circunvalación e asegurar o cumprimento dos prazos”. A importancia desta obra para o futuro de Ponteareas, engade Represas, “fai necesario as forzas políticas, sociais, veciñais e empresariais, traballemos xuntas para acadar este fin”.

Finalmente, Xosé Represas anunciou a intención de manter encontros con responsables do Ministerio de Fomento e da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio “para dar cumprimento ao Protocolo de Colaboración asinado en maio de 2015 polas tres administracións”.