Xoán Carnero presenta un libro sobre a Guerra da Restauración no Baixo Miño no ciclo “Venres D_letras”

Xoán Carnero protagonizará unha edición especial do ciclo “Venres D_letras” que terá lugar este venres, día 16, a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas

Este ciclo, desenvolvido pola Concellería de Cultura, trata de darlle visibilidade aos escritores e escritoras galegos abrindo un espazo para a presentación an vila das súas novidades editoriais. Carnero falará do libro “Conflitos bélicos na Raia do Baixo Miño (1640-1668)”, un documento de carácter histórico no que debulla o enfrontamento armado entre España e Portugal durante a Guerra da Restauración na devandita comarca.

 Trátase dun traballo de divulgación froito dunha investigación exhaustiva, que levou ao autor a pescudar en diferentes arquivos europeos ao longo de varios anos. O resultado el un volume rigoroso e ben documentado, que vén dar continuidade a unha publicación anterior do propio Carnero centrada no Forte dos Medos e outras fortificacións que protagonizaron aquel conflito bélico.

 O ciclo “Venres D_letras” terá continuidade o vindeiro mes de xaneiro coa presencia de Ledicia Costas, que o día 13 presentará a súa novela “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, dirixido ao público infantil e xuvenil.