Xiana do Teixeiro presentará no centro cultural de Xinzo a súa longametraxe “Tódalas Mulleres que Coñezo”

Esta película está enmarcada na programación específica deseñada pola concellería de Igualdade para loitar contra a desigualdade de xénero

A concellería de Igualdade que dirixe Verónica Carrera convida a toda a cidadanía á proxección do filme “Tódalas Mulleres que Coñezo” mañá venres día 22 ás 19:30 horas no centro cultural de Xinzo. Enmarcada dentro da programación específica que a concellería a través do CIM deseñou con motivo do vindeiro día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Co obxectivo de rematar coa desigualdade de xénero, Verónica Carrera, reforzou a programación anual deseñada para concienciar, formar e informar e por fin á violencia de xénero, con accións específicas que se desenvolven nestes días.

A directora desta longametraxe, Xiana do Teixeiro, conversará co público sobre o fío condutor da súa película: o desequilibrio social entre homes e mulleres. “Tódalas mulleres que coñezo” é unha película feita de conversas cruciais en tres escenarios enlazados e significativos que arrancan a partir do crime de Alcásser e os cambios de conduta que trouxeron para as mulleres e o trato sensacionalista dos medios de comunicación.

Xiana do Teixeiro é realizadora e artista visual. Cofundadora da produtora Walkie Talkie Films (2008), especializada en cine documental de autor e video experimental. É doutora en Comunicación Audiovisual, licenciada en Comunicación Audiovisual e Periodismo. Creadora e produtora musical, traballa sobre o relato íntimo, a identidade e a construción do xénero.