Xa pode visitarse a exposición fotográfica “Auga. O sangue da Terra” do fotoxornalista Manuel Valcárcel

Ponteareas inaugura a exposición do fotoperiodista Manuel Valcárcel “Auga. O sangue da terra”, un proxecto co que o monfortino amosa a realidade das rexións como Noza Zelanda ou o propio río Lor, na provincia de Lugo, para concienciar sobre a importancia da auga, o elemento que substenta ao planeta Terra.

O alcalde en funcións Xosé Represas, acompañado de concelleiras do goberno e dos representantes de Afundación e de Abanca inauguraron esta exposición aberta a todo o público xeral e que, nestes días, xa visita o alumnado dos centros educativos da cidade que ademais da visita guiada participan nun obradoiro adaptado a cada curso escolar. O alumnado de sexto de primaria do CPR A Inmaculada abriu a rolda de visitas guiadas. 

As imaxes amosan o poder que rodea ao planeta e como o seu desquilibrio nos enfrenta a un problema de grandes magnitudes. A sensibilidade coa que Valcárcel recolle as instantáneas nese lado máis artístico do seu traballo contraponse coa denuncia aberta co fin de concienciar.

Esta exposición, que se enmarca dentro do programa Corrente Cultural de Afundación, obra social ABANCA, pode visitarse ata o 24 de xuño no auditorio municipal.