Xa está aquí o Corpus Christi 2015

As actividades comezarán o venres 29 de maio coa presentación da revista Pregón e rematarán o luns 8 de xuño, día do alfombrista e festivo local

Destacan iniciativas como “Portaleando” e “Balconeando”, ademais de actuacións como o “Keltia: o Musical”

programa-corpus-3O venres 29 de maio se abrirá oficialmente a programación do Corpus para este ano na vila ponteareá, aproveitando a presentación da revista Pregón 2015, unha revista que se edita dende o ano 1947 e na que se fai un repaso do Corpus do ano anterior. Ademais, esta publicación serve como altofalante onde estudosos de renome poden plasmar as súas investigacións sobre o Corpus, Ponteareas e a súa comarca, contribuíndo, pois, á difusión de todo tipo de estudos de temática local. Sampedro salientou que difusión do Pregón “chega aos cinco continentes e que actúa como estandarte alén das nosas fronteiras”.

O sábado 30 de maio lugar a Lectura do Pregón no Auditorio Reveriano Soutullo, a cargo do profesor e escritor Alfredo Conce Cid, gañador, entre outros premios, do Premio Nadal e do Premio Nacional de Literatura. Co inicio do mes de xuño comezarán todo tipo de actuacións musicais, entre as que destacan a presenza a rondalla Liceo de Taoro da Orotava, vila irmandada con Ponteareas, a do grupo Treixadura, que presenta o espectáculo “Vendima Tarda” e a de “Keltia, o Musical”.

Precisamente os artistas protagonistas desta última actuación, o Bruxo Queiman e Andrea Pousa, estiveron presentes na rolda de prensa de presentación das Festas. Ámbolos dous aproveitaron para explicar que o seu festival “fai un percorrido por 20.000 anos de historia galega e ponteareá, tentando transmitir o que aconteceu na vila durante todo ese período a través de lugares como o Castro de Troña e Festividades como a do Corpus”. Andrea Pousa describiu o espectáculo como un evento que “ mostra a cultura atlántica e que combina música e voces en directo con danza e teatro”. Andrea tamén deleitou aos presentes no acto cun fragmento dunha das cancións que interpretará, deixando boa mostra do seu incrible caudal de voz.

Dúas das grandes novidades deste ano son as iniciativas “Portaleando” e “Balconeando”. A primeira pretende achegar a todos aqueles visitantes até o lugar onde se empezan a desfollar os materiais que posteriormente formarán parte das alfombras, que non son outros que os portais das diferentes rúas da vila. O concelleiro de Cultura anunciou “a creación dun calendario para que estes visitantes poidan coñecer os portais, os procesos de creación e mesmo poidan interactuar cos a coas alfombristas”. Sampedro tamén salientou o novidoso da iniciativa “Balconeando”, para a que “se está a preparar un roteiro por distintos balcóns do Concello para que todos aqueles interesados poidan gozar das alfombras dende unha vista cenital”.presentacion-cartel-corpus-2015-5

O acto foi pechado polo alcalde, Salvador González Solla, que quixo pór en valor “o traballo e o esforzo dos alfombristas, pois sen eles nada disto tería sentido e tampouco existiría esta festa tan representativa”. González Solla tamén quixo “agradecer as aportacións que dende a Secretaría Xeral de Turismo, con 40.000 euros, e dende a Deputación de Pontevedra, con 15.000 euros, se fixeron para axudar a organizar a nosa maior festividade”.

Como vén acontecendo nos últimos anos, haberá unha delegación estranxeira nas estradas do casco urbano ponteareán, neste caso procedente de Xapón. Unha delegación de sete persoas encabezada por Yusu Fujikawa confeccionará unha alfombra de 24 metros cadrados. A vila do Tea tamén recibirá a un grupo de xornalistas dunha televisión pública xaponesa.

O Concello de Ponteareas tamén renderá este ano unha homenaxe aos catro membros da Comisión de festas nada en 1947 e que tan importante foi para a difusión e oe crecemento do Corpus no municipio: Ignacio Vidales Tomé, Pepe Casanovas Camba, Gabino Porto Bernárdez e Luis Salgueiro Rodríguez.