Xa é posible solicitar a Garantía Xuvenil na OMIX de Ponteareas

A vila do Tea foi seleccionada para colaborar nun proxecto no que participarán un total de 200 centros en todo o Estado

A Oficina Municipal de Inomix-ponteareasformación Xuvenil (OMIX) de Ponteareas, dependente da concellería de Mocidade que xestiona Verónica Carrera, foi unha das seleccionadas  para desenvolver o proxecto piloto “SIJ+Garantía Xuvenil”, no que participarán un total de 200 centros de todo o Estado. En Galicia foron seleccionadas un total de 20 oficinas de información xuvenil.

Coa participación nesta iniciativa, os centros colaboradores obterán máis formación, ferramentas e servizos para facilitar tanto a inscrición dos mozos no Sistema de Garantía Xuvenil como para o aproveitamento das vantaxes que este ofrece para a incorporación da mocidade local ao mercado de traballo.

A edil salientou a importancia que ten este proxecto “non só para os veciños e veciñas de Ponteareas, senón tamén para os doutros concellos próximos, pois na OMIX xa estamos recibindo peticións de mozos e mozas e residen noutros municipios”.

A Garantía Xuvenil é unha iniciativa que conta co financiamento do Fondo Social Europeo e que ten como obxectivo que os mozos entre 16 e 29 anos que non estean a cursar estudos, formación ocupacional ou carezan de emprego, poidan recibir asesoramento e formación de cara a promover a súa inserción no mercado laboral.

Para ser beneficiario da Garantía Xuvenil é preciso cumprir os algúns requisitos: ter nacionalidade española ou ser cidadán da Unión ou dos Estados Membros; estar empadroado en calquera localidade do Estado Español; e ter máis de 16 anos ou menos de 30 no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, entre outros.

Todos aqueles mozos e mozas con idades comprendidas entre 16 e 29 anos que estean interesados en participar neste programa, poden obter máis información na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas (rúa A Perillana 9/11) de luns a venres de 07.30 a 21:00 horas, e  os sábados de 10.30 a 13.30 h.