A Concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, en colaboración con diferentes entidades deportivas, informou aos veciños e veciñas das Escolas Deportivas de Verán 2018 do Concello de Ponteareas.
Estas escolas, que son totalmente gratuítas, desenvólvense durante os meses de xullo e agosto. O seu horario varía segundo a actividade, tendo lugar algunhas de mañá e outras de tarde. O seu obxectivo é, segundo sinalou o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, “darlle a oportunidade aos rapaces e rapazas da nosa vila de probar distintas modalidades deportivas, sobre todo daquelas que son menos coñecidas ou que están minorizadas”.
Grazas ao traballo conxunto realizado entre a Concellería de Deportes e os Clubs Deportivos, os cativos e cativas de Ponteareas contarán cunha ampla oferta deportiva que se distribúe en diferentes horarios de mañá e tarde e en distintos días da semana.
As actividades deportivas que se ofertan, en colaboración con entidades deportivas da nosa vila, son as seguintes: taekwondo, bádminton, patinaxe, baloncesto, scout, wu shu, tenis, fútbol sala, billar ou xadrez. Este ano, asemade, tamén se chegou a un acordo co Club Tea de Mondariz-Balneario, grazas a cal tamén se ofrece a actividade de piragüismo, actividade para a que os rapaces e rapazas deben saber nadar.
O prazo de inscricións estará aberto dende o 18 ao 30 de xuño de 2018 e todos aqueles e aquelas que precisen maior información deberán contactar co Departamento de Deportes do Concello ou acceder á ficha de inscrición na páxina web do concello www.ponteareas.gal na pestaña Deportes. A solicitude hai que entregala polo rexistro de entrada do Concello de Ponteareas. Está aberto ata as 13:00 horas, de luns a venres (Deportes). Débese adxuntar copia da tarxeta sanitaria do neno/a e copia do DNI.
O concelleiro de Deportes quixo agradecer tamén a boa acollida desta actividade entre as entidades deportivas colaboradoras. “Esta actividade non sería posible sen a colaboración dos diferentes clubes e asociacións deportivas, a quen queremos dende aquí agradecer a súa boa disposición e a súa amabilidade para que estas Escolas poidan saír adiante”, indicou Benito Márquez.