Volve o cine ao parque da Feira Vella con “Grease”

A proxección será mañá martes ás 22.00 horas con entrada de balde, pero con aforo reducido

 

O Parque da Feira Vella de Ponteareas volverá a converterse mañá martes nunha sala de cine ao aire libre. Ás 22.00 horas comezará a proxección de “Grease”, o musical que marcou a varias xeracións e deixou a súa pegada no cinema dos anos 70. 

 

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, destaca que esta actividade “está sendo un éxito”, e afirma que é unha mostra máis da “aposta do Concello para encher as rúas de cultura de forma segura”. “Grease” será a terceira película que se proxecta en Ponteareas durante o mes de agosto, a primeira foi “Cuñados”, e a segunda “Padre no hay más que uno 2”. 

 

O musical lévanos ao verán de 1959, cando Sandy (Olivia Newton John) e Danny (John  Travolta) pasaron un romántico e marabilloso verán xuntos, pero, cando as vacacións acábanse, os seus camiños sepáranse. Inesperadamente, volven verse no instituto  Rydell, pero a actitude de Danny xa non é a mesma: xa non é o mozo encantador e atento que namorou a Sandy; agora é soberbio e insensible.