Voluntarios de Voltea Condado actúan nos montes de Cillarga para a súa rexeneración

Debido á vaga de lumes acontecida o pasado domingo 15 de outubro, o equipo de VOLTEA CONDADO do Concello de Ponteareas veuse na necesidade de cambiar a actividade programada para este vindeiro 12 de novembro, entre outras cousas, porque a ruta deseñada para os montes de Cillarga perdeuse polo incendio.

Por todo isto, este domingo 12 de novembro un grupo de voluntarios/as participará nas actividades de rexeneración do solo nos montes de Cillarga (parroquia Ribadetea).

Todo o que queira está invitado a achegarse a este lugar para ver o traballo e así entender como se está a organizar desde o Concello. Aínda que neste día non se poderá participar, todo o que o desexe pode anotarse na oficina de voluntariado ubicada no Centro Social da rúa Oriente para vindeiras actividades.