Voluntarios e voluntarias retiran arredor de 400 quilos de lixo do Tea durante a xornada de limpeza simultánea do proxecto ‘Móllate polos ríos’

Voluntarios e voluntarias retiran arredor de 400 quilos de lixo do Tea durante a xornada de limpeza simultánea do proxecto ‘Móllate polos ríos’

 

Pneumáticos, moitas toalliñas, gran cantidade de plásticos e latas, un televisor e incluso un colector foron algunhas das cousas que se retiraron

 

Ponteareas reforzou a súa conciencia ambiental a pasada fin de semana participando na limpeza simultánea do proxecto ‘Móllate polos ríos’, promovida por Adega e xestionada na vila pola plataforma Defendendo o Tea. Un total de 15 persoas voluntarias percorreron este domingo o Tea para retirar o lixo atopado na beira ou no interior do río, axudando así a “poñer en valor o noso patrimonio natural, pertencente á Rede Natura 2000, e axudando a resaltar a importancia de mantelo limpo polo benestar de todos e todas”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

 

Durante toda a xornada extraéronse arredor de 400 quilos de lixo, entre os que destacou a gran cantidade de pneumáticos retirados, así como de toalliñas e de plásticos e latas. Ademais, as e os voluntarios retiraron un televisor ou incluso un colector de lixo. “Atopámonos moitas cousas que chegan ao río por descoñecemento, como as toalliñas húmidas que, aínda que poña nos paquetes que son biodegradables, en moitos casos rematan penduradas das árbores do río e tardan moitísimo en desaparecer”, asegura.

 

Dende o Concello avógase “por unha maior concienciación medioambiental e traballar para que cada persoa sexa capaz de asumir a súa responsabilidade e de gardar o refugallo no peto ou na mochila que leva cando vai a camiñar”. “Continuaremos reuníndonos cada ano para limpar o Tea agardando que chegue o día no que non se tope lixo ningún”, recalca Covelo.

 

A concelleira de Medio Ambiente tamén quere agradecer á plataforma Defendendo o Tea a súa implicación cada ano nesta xornada e a todos os voluntarios e voluntarias por axudar a manter limpo o río.