Vitor Vaqueiro presenta o seu poemario “1968” no ciclo “Venres D_letras”

O ciclo “Venres D_letras”, que organiza mensualmente a Concellalía de Cultura, contará o vindeiro día 12 coa presenza do escritor e fotógrafo Vitor Vaqueiro, que presentará o seu libro de poemas “1968”. Esta actividade terá lugar, como vén sendo habitual, a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos do Concello.

50 anos despois, “1968” emprega o verso e máis a prosa poética para facer un percorrido por aquel ano e para amosar a incidencia que os acontecementos desenvolvidos durante ese tempo tiveron en toda unha xeración de mozos e mozas que soñaba con trocar as estruturas sociais e abrir paso a unha nova época. Mais lonxe dunha visión edulcorada ou nostálxica, Vaqueiro amosa unha imaxe comprometida, mesmo combativa, desa xuventude, dende as súas propias vivencias en Compostela.

A concelleira Hortensia Bautista convida a toda a veciñanza a gozar da presenza de Vitor Vaqueiro que é un dos nosos poetas máis aclamados, adicándose ao cultivo deste xénero dende a publicación do seu primeiro poemario, en 1979, ata entrados os anos 90. A partir dese intre diversifica a súa produción literaria en torno á narrativa e ao ensaio, onde destacan os seus traballos arredor da cultura popular galega. Como poeta ten recibido algúns dos galardóns máis importantes das nosas letras, como son o Premio Esquío ou o Premio da Critica Española. No eido da fotografía foi cofundador co colectivo “Canbranco” e do Centro de Estudos Fotográficos, así como diretor do Arquivo Pacheco.

O ciclo “Venres D_letras” terá continuidade o vindeiro mes de maio coa presentación, o día 10, da novela “A casa do paralelo 54”, de Iria Collazo, dirixida ao público infantil. Tamén estará na presentación Luz Beloso, ilustradora da obra.