Visita guiada polos camiños de Cumiar

O domingo 13 de marzo, a partir das 10:00 horas, a parroquia de Cumiar será testemuña dunha visita guiada polo seu territorio a partir das 10:00 horas. A saída será dende a Igrexa Parroquial e o percorrido permitirá que todas as persoas asistentes poidan coñecer o Camiño Real que pasa pola parroquia, o camiño da Franqueira ou a zona do Meixueiro, completamente despoboada, entre outros lugares.

Con esta visita, as concellerías de Medio Ambiente, que xestiona o alcalde Xosé Represas, e a concellería de Cultura, que dirixe Hortensia Bautista, dentro do programa “Coñece Ponteareas”, iniciase un proxecto que ten como obxectivo elaborar de forma participativa, cos veciños de cada parroquia, unha serie de rutas por todo o territorio de Ponteareas. Rutas nas que se recollan os lugares de maior interese, as lendas e historias de cada camiño, se recupere a toponimia dos lugares, coñecer o patrimonio a flora e fauna de cada percorrido.

Este proxecto que bota a andar este domingo contará co coñecemento que teñen os veciños de cada parroquia que participen na actividade de sendeirismo e está aberto á participación de todas as persoas que queiran colaborar; propoñendo percorridos, aportando historias, nomes dos lugares, datos das rutas, etc.