A Vila do Corpus promociona a súa gastronomía no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo “Xantar” en Ourense

Ponteareas no salón XantarO Concello de Ponteareas está presente un ano máis no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo “Xantar”, que ten lugar do 5 ao 9 de febreiro,  para promocionar a gastronomía e o turismo da vila do Tea.

Andrés Sampedro Fernández, concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Ponteareas estivo presente este mércores día 5 de febreiro na inaguración do salón “ Xantar” por parte do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O edil ponteareán estivo nas instalacións do stand da empresa Cátering Galicia, que leva o nome de “Vila do Corpus Ponteareas” onde se lles ofertan aos visitantes as excelencias gastronómicas da vila e a través do cal, segundo as palabras de Andrés Sampedro, se pretende dar a coñecer a riqueza gastronómica de Ponteareas, converténdose nun dos motores turísticos da vila, xunto coa maior fonte de riqueza de atracción turística  que é a celebración do Corpus Chirsti, Festa de Interese Turístico Internacional, que ano a ano congrega en Ponteareas a milleiros de visitantes.

Este zona de restauración “Vila do Corpus Ponteareas ”, contou coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a directora xeral de Turismo de Galicia, Mª. Nava Castro, e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, os cales, xunto con outros asistentes foron convidados polo edil Andrés Sampedro á degustación das famosas rosquillas de Ponteareas, doce de recoñecido prestixio e calidade e animou, así mesmo, a coñecer un novo postre, as rosquillas de Ponteareas con requeixo das Neves, onde se maridan os dous mellores doces destes concellos limítrofes.

Así mesmo, o concelleiro de Turismo do Concello de Ponteareas agradeceulle á Cátering Galicia  a súa colaboración co obxectivo común de difundir o potencial turístico e gastronómico da Vila do Corpus, así como aos mestres confiteiros de Ponteareas pola súa colaboración e dedicación a que as rosquillas de Ponteareas sexan un destacado produto de calidade.