Vestirse de época ten premio na Feira dos Remedios de Ponteareas!!!

A dous días dunha nova edición da Feira Tradicional dos Remedios, a concellería de Cultura e Lingua que dirixe Fernando Groba lembra á veciñanza que vaia preparando os seus traxes de época para rememorar as feiras de principios de século XX. Ataviarse como os e as ponteareás destes anos terá premio e todos os que pasen polo photocall da praza Bugallal e tiren unha fotografían participarán no sorteo de agasallos a base de produtos artesanais.

Pero vestirse de época terá máis vantaxes dándonos preferencia para pasear na carruaxe de cabalos que irá dende a praza Bugallal ao parque da Feira Vella. Un paseo que todo o mundo poderá desfrutar de balde tendo sempre prioridade á hora de usalo aqueles e aquelas que vaian vestidos con roupa de principios de século XX.

Desprazamento sostible e tradicional pero tamén respectuoso cos animais que tirarán das carruaxes en remudas con períodos máximos de traballo de dúas horas e espazos prolongados de descanso en zonas de sombra axeitadas para o refrixerio e alimentación con auga e herba.