Venres polo Planeta convida a participar na limpeza da Freixa

A concellería de Mocidade convoca unha nova acción de compromiso medioambiental

O pasado venres tivo lugar a primeira xornada convocada no marco da iniciativa Venres polo Planeta, mañá toda a mocidade terá unha nova oportunidade para amosar o seu compromiso no coidado do medio ambiente xa que a oficina de voluntariado, dependente da concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó, organiza unha limpeza na Freixa entre as 17 e as 19 horas.

O punto de encontro é a propia praia da Freixa e tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal ou no número de teléfono 687 764 516.

Un venres de cada dous a mocidade e o voluntariado limpará un recuncho do noso patrimonio natural. Nesta ocasión, para agradecer o seu compromiso a concellería sorteará bonos para realizar actividades de kayak.

Os venres 8 e 22 de novembro e 13 de decembro a mocidade volverá xuntarse para amosar o seu lado máis comprometido.

Este é un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó pon en marcha  para dar cumprimento ao aprobado no pasado pleno ordinario para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática.

Os “Venres polo planeta” camiñan na liña da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable” e promove a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.