Veciñanza e Goberno falarán do PXOM e do polígono da Lomba

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, convocan a todos os veciños e veciñas á reunión informativa que terá lugar o vindeiro martes día 30 de Xaneiro ás 20 horas no auditorio municipal.

Seguindo na liña da participación aberta por este goberno e coa necesidade de contar coa súa opinión e aportacións para definir o futuro de Pontereas o goberno quere informar sobre a situación actual de tramitación do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) e as previsións para a zona industrial da Lomba.

Tamén falarán neste encontro sobre cuestións tan relevantes como a circunvalación, o saneamento ou ampliación da rede de abastecemento de auga potable, entre outros temas prioritarios para o crecemento e a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Neste encontro aberto os participantes poderán achegar ao goberno de Ponteareas as súas opinións, preocupacións e suxerencias para traballar de xeito conxunto co Concello e a administración.

Á reunión tamén asistirán a arquitecta municipal e o director do PXOM que aclararán as cuestións relativas á tramitación do plan xeral así como a outras cuestións relacionadas co planeamento urbanístico.

O solo industrial, o crecemento urbanístico, o subministro dos servizos básicos e todas aquelas cuestións que trasladen os asistentes serán tratadas o vindeiro día 30.

O Alcalde de Ponteareas destaca a importancia de manter informados aos veciños e veciñas e de contar coa súa opinión sobre cuestións tan relevantes e que definirán o crecemento e futuro de Ponteareas.