Vanesa Fernández pediulle ao Vicepresidente da Xunta á incorporación de Ponteareas no Consorcio Provincial de Bombeiros

A edil de Seguridade Cidadá aproveitou a visita de Alfonso Rueda a Ponteareas para facer unha demanda coa que a Deputación de Pontevedra xa manifestou a súa conformidade

 

Q55A0059A Concelleira de Seguridade Cidadá en Ponteareas, Vanesa Fernández, aproveitou a visita do Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para lle manifestar persoalmente a petición de adhesión do Parque Municipal de Bombeiros de Ponteareas ao Consorcio Provincial.

 

Fernández lembrou que tanto o “Concello como a Deputación de Pontevedra están de acordo en incluír a Ponteareas no Consorcio Provincial de Bombeiros, creando unha segunda sede do Parque Comarcal do Porriño situada na vila do Tea, de xeito que permita dar un servizo mellor e máis profesional ao noso municipio e tamén ao resto de concellos pertencentes ás comarcas do Condado e A Paradanta, ademais de garantir unha xestión máis eficaz e un reparto máis racional dos medios”.

 

Neste senso, e sendo “conscientes de que a Xunta precisa un tempo prudencial para facer efectiva esta petición, o que si é urxente é dotar a Ponteareas, de maneira inmediata, dun maior financiamento para o seu Parque de Bombeiros”. Dado que os 125.000 euros anuais procedentes do convenio asinado entre a Xunta, a Deputación e a FEGAMP “resultan insuficientes, pensamos que unha vía posible de financiemnto sería o fondo da UNESPA (Unión Española de Entidades Aseguradoras), cuxo aporte na actualidade (65.000 euros) só contempla as actuacións realizadas en Ponteareas, pero non todas aquelas que tamén se levan a cabo nos outros 7 municipios das comarcas do Condado e A Paradanta que os nosos efectivos tamén cobren”. O pasado mes de febreiro “xa fixemos unha petición dende o Concello para que esta cantidade correspondente ás actuacións noutros concellos fora aboada dende UNESPA con carácter retroactivo dende o ano 2013”.

 

Equipo de excarceración

 

Alfonso Rueda, que chegou acompañado do Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén foi recibido polo alcalde ponteareán, Xosé Represas, a primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, e a edil de Ensino, Cristina Fernández.

 

Todos eles presenciaron a entrega, por parte dos representantes autonómicos, dun equipo de excarceración para salvamento e rescate no caso de accidentes, composto por unha cizalla, 1 separador, 1 set de proteccións brandas, 6 baterías eléctricas, 1 xogo de puntais de estabilización, 1 protector de airbag e un 1 xogo de bloques e cuñas.

 

Fernández manifestou “o agradecemento pola entrega de material que mellore as condicións de traballo dos nosos profesionais”, ao mesmo tempo que recordou “a acuciante necesidade que ten o Corpo de Protección Civil dun remolque para o servizo que presta a Unidade Canina, a única que opera no sur Galicia”.

 

Instalacións deportivas da Freixa

 

A visita instutucional tamén permitiu percorrer as recentemente inauguradas instalacións deportivas na área recreativa da Freixa, que grazas a un investimento conxunto de 50.000 euros entre as dúas administración foron notablemente melloradas coa construción de dúas novas pistas de tenis e unha polideportiva.