O V Festival Groba afianza a súa internacionalización

 

Este ano a edición do Festival Groba, que se celebrará do 11 o 18 de agosto, ten unha dose extra de internacionalidade, á cidade de Ponteareas achegaránse músicos chegados de todo o mundo para apoiar e participar neste certame que, ano tras ano, afianza o seu carácter internacional e se consolida como unha das citas máis importantes do calendario musical.
Ao longo destas últimas edicións, Ponteareas recibíu a artistas e intérpretes de moi diversos lugares do mundo que formaron parte do Festival exhibindo o seu talento dende a excelencia nos concertos diarios, no concurso Internacional de Violín na edición 2015 do Festival Groba ou na mostra dos resultados dos obradoiros que levamos a cabo con instrumentos de corda.
Nestes anos, a OCGa (Orquestra de Cámara Galega) foi a orquestra residente e acompañou a todos eles en moitos dos concertos ofrecidos. Este ano, a organización da un paso máis.
Ademáis dos solistas de grande prestixio internacional como Clara Jumi Kang (Corea), Guy Braunstein e Gili Schwarzman (Israel), Miguel da Silva (Franco-Suizo), Anastasia Kobekina (Rusia), Leonard Schnerbroich (Alemania), Zvi Plesser (Israel), Sunwook Kim (Corea), Julen Quentin (Francia), …este ano, a OCGa, a segunda orquestra profesional máis antiga de Galicia contará con artistas que veñen a compartir a nosa experiencia e coñecer artísticamente ó noso compositor máis importante de música clásica, a tocar con nós, formando parte da orquesta durante toda a semana do Festival. Violinistas de Brasil, México, e Xapón formarán parte do elenco da OCGa despóis de seren seleccionadas entre as numerosas peticións que diversos intérpretes enviaron ao noso director artístico, Rogelio Groba Otero.
“É un orgullo poder dicir que músicos de países de tan lonxe veñan a Ponteareas. O Festival Groba é xa o punto de referencia de excelencia musical da música de cámara e, en certo modo, sentímonos abrumados polas solicitudes para formar parte da nosa formación”, explica Rogelio Groba Otero, da Orquestra de Cámara de Galicia .
Apoiados pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, este ano, a OCGa, estará formada por galegos de Galicia, galegos residentes en Bélxica, galegos residentes en Rusia, galegos residentes en Madrid e, aínda que só por uns días, serán galegos tamén músicos de México, de Brasil e de Xapón.