Unha viaxe por ‘Cidades’ do mundo esta fin de semana no Concerto de Primavera de Ponteareas

 

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e Dextrum Ensemble únense nunha actuación o vindeiro sábado 9 na sala multiúsos do auditorio municipal

 

Unha viaxe por ‘Cidades’ do mundo esta fin de semana no Concerto de Primavera de PonteareasA música encherá de novo Ponteareas esta fin de semana. Este sábado 9 de abril a Banda de Música Xuvenil de Xinzo e Dextrum Ensemble uniranse para protagonizar o Concerto de Primavera, unha cita musical organizada polo Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra na que a banda e o cuarteto de saxofóns farán un percorrido por ‘Cidades’ do mundo.

 

A programación do concerto está composta por catro obras de diferentes compositores relacionadas con diversos lugares do mundo. Así, o concerto comezará coa obra ‘Sedona’, de Steven Reineke, na honra da cidade estadounidense do mesmo nome, coa que a banda abrirá o concerto en solitario. Tras esta peza chegará a quenda de ‘Cidades’, de Guillermo Lago, un percorrido por Córdoba, Montevideo, Tokio, Sarajevo e Addis Abeba a través de gran variedade de estilos musicais. A terceira peza, ‘The Big Apple’, de Johan de Meij, representará á cidade de Nova York, mentres que o peche correrá a cargo dun arranxo para saxos e banda do pasodobre ‘Ponteareas’, de Reveriano Soutullo.

 

Dende a concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba Bouza, convídase a toda a veciñanza a participar nesta actividade cultural protagonizada por dúas agrupacións musicais cunha gran traxectoria ás súas costas “que subirán ao escenario para facer gozar ao público cun proxecto de gran complexidade”.

 

O concerto será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, de balde, con entrada libre ata completar aforo. Aquelas persoas que non poidan asistir poderán seguir a retransmisión en streaming deste Concerto de Primavera a través das redes sociais da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ou escoitar a gravación sonora que realizará a Radio Galega.