Este é o título dunha actividade que terá lugar o vindeiro 15 de xaneiro no Auditorio Municipal aberta a todos os públicos
A concellería de Ensino, dirixida por Cristina Fernández, e a concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista, organizan unha actividade denominada “Unha viaxe pola historia da música a través dos instrumentos” o vindeiro 15 de xaneiro no Auditorio Reveriano Soutullo. A xornada comezará ás 17:00 horas e terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Trátase dunha pequena exposición de instrumentos musicais a través da cal se mostrarán as distintas familias dos mesmos, así como a cultura e a época á que pertenceron. A idea fundamental “é que os asistentes non se queden soamente coa percepción visual dos instrumentos, senón que os escoiten, coñezan a súa orixe e entendan as diferenzas e similitudes entre as diferentes culturas e épocas”, tal e como sinala Cristina Fernández.
A exposición, que correrá a cargo do musicólogo Abraham Cupeiro, permitirá escoitar instrumentos como o karnyx, unha especie de trompeta de orixe celta; o cornetto, instrumento medieval que se pode atopar no deseño de diferentes catedrais galegas; frauta barroca; frauta celta; óboes e outros.
A actividade tamén está dirixida aos alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria dos diferentes centros de ensino de Ponteareas, que terán a oportunidade de asistir á mencionada exposición o mesmo 15 de xaneiro no Auditorio Municipal en horario matinal.