Vinte e un nenos de Manchester marcharon onte despois de pasar 3 días na vila e vinte cativos de Francia chegaron hoxe para pasar 7 días no municipio
Ámbolos dous grupos foron recibidos no Salón de Plenos da Casa do Concello polo alcalde ponteareán, Xosé Represas
O Concello de Ponteareas está a ser testemuña estes últimos días da visita de moitos escolares procedentes doutros países grazas a diversos programas de intercambio postos en marcha polo CEIP Santiago Apóstolo.
O centro de ensino pontearéan ten dous acordos asinados cos colexios “Our Lady of the Rosary”, da cidade de Manchester, e “Collège Jean Rostand”, situado nun pequeno municipio chamado Muzillac, na Bretaña francesa.
O primeiro deles permitiu que 21 rapaces e rapazas ingleses, de entre 10 e 11 anos, tiveran a oportunidade de coñecer a vila do Tea durante unha estancia de tres días no municipio que rematou o día de onte. Os 20 alumnos do colexio francés, de entre 13 e 14 anos, chegaron a Ponteareas no día de onte e ficarán no municipio até o vindeiro luns. Estes acordos tamén permiten que os alumnos do CEIP Santiago Apóstolo poidan viaxar a ámbolos dous países e practiquen os idiomas francés e inglés.
Todos os alumnos visitaron a Casa do Concello de Ponteareas e foron recibidos polo alcalde ponteareán, Xosé Represas. O rexedor municipal aproveitou para lles explicar algúns dos principais sinais de identidade da vila, como a festividade do Corpus ou río Tea, ademais de facer un pequeno resumo sobre varios dos persoeiros máis relevantes na historia do concello, como Reveriano Soutullo ou Rogelio Groba.
Represas tamén quixo manifestar aos responsables dos diferentes centros educativos a súa intención de manter e mesmo ampliar este tipo de programas de intercambio entre escolares.