Un total de 16 locais hostaleiros participarán na ruta gastronómica da Feira de Outono

Os alumnos de deseño gráfico do obradoiro de emprego deseñaron o folleto no que se poden consultar os pratos que poderán degustar en cada local e a programación da propia feira

Q55A1777O Salón de Plenos da Casa do Concello serviu como escenario perfecto para presentar o resultado dunha colaboración entre os alumnos do módulo de deseño gráfico que se está a desenvolver dende o obradoiro de emprego e varios hostaleiros da vila.

Acompañados polo concelleiro de Hostalería, Mario Lago, e pola concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, ámbolos dous colectivos presentaron en público o folleto no que se recollen os diferentes pratos que os asistentes á Feira de Outono poderán degustar en 16 locais hostaleiros da vila ao longo dos días 13, 14 e 15 de novembro.

O deseño do interior deste folleto, no que se recolle a programación prevista para os tres días nos que terá lugar a feira e os diferentes pratos que ofrecerá cada un dos locais, correu a cargo dos alumnos do módulo de deseño gráfico que dende o pasado mes de outubro participan no obradoiro de emprego que se desenvolve no Centro de Desenvolvemento Local (CDL).

A oferta gastronómica variará dende pinchos até tapas pasando por racións e incluíndo algúns menús pensados para varias persoas. O folleto tamén contempla un mapa do casco urbano do Concello no que aparece especificada a situación de cada un dos 16 locais participantes nesta ruta gastronómica desta Feira de Outono.

Tanto Mario Lago como Hortensia Bautista agradeceron “enormemente o traballo de todas as partes implicadas”. Lago asegurou que “a hostalería sairá moi beneficiada deste tipo de iniciativas, que imos potenciar no futuro, e que o traballo dos alumnos do obradoiro foi brillante, e así nos consta nas críticas que estamos recibindo”.

Bautista “agardou que este tipo de eventos, onde a colaboración permite ter unha fin de semana cunha programación gastronómica e cultural moi completa, teñan continuidade”.