O domingo 20 proxectarase ás 19.00 h na sala multiúsos ‘Tres’, gañadora dun Premio Goya en 2021 ao mellor son
Nova proposta cinematográfica en Ponteareas para esta fin de semana do ciclo ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que durante os últimos meses está a traer á vila a proxección gratuíta de películas gañadoras e finalistas nos premios do cine galego, que recoñecen a excelencia das producións audiovisuais de Galicia.
Este domingo 20 de novembro ás 19.00 horas, a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá a proxección da longametraxe ‘Tres’, un orixinal thriller psicolóxico dirixido polo director nominado ao Óscar Juanjo Jiménez e gañadora dun premio Goya ao mellor son en 2021. Un drama fantástico pouco habitual con Marta Nieto no papel dunha muller que perde a súa sincronía co mundo e polo que foi nominada aos premios Forqué á mellor actriz.
No filme Nieto convértese nunha deseñadora de son que pasa moitas horas gravando efectos, editando e mesturando. É un refuxio onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa ex parella, coa súa anciá nai e coas súas compañeiras e compañeiros de traballo. Aínda que ela non o sabe, está comezando a desincronizarse da realidade. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que ás imaxes, algo que condicionará a súa vida por completo.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta nova sesión de cine na vila, xa que “para Ponteareas é un orgullo ser un dos poucos municipios da provincia que forman parte da primeira edición deste ciclo de cine, que non só está a permitir ás e aos ponteareáns ter no municipio o mellor cine galego de balde, senón que tamén permite achegar o noso idioma á veciñanza a través de canles como a cultura”.
A proxección é de balde con entrada libre ata completar aforo.