Un informe técnico aconsella a corta de tres árbores do Xardín da Xiralda para evitar riscos para a veciñanza 

 

O estudo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro detectou un abeto vermello e un cedro do Himalaia infectados por fungos e un ciprés totalmente seco con perigo alto de caída

 

Un informe técnico aconsella a corta de tres árbores do Xardín da Xiralda para evitar riscos para a veciñanzaO Concello de Ponteareas comezará este xoves 31 a corta de tres árbores situadas no Xardín da Xiralda tras un informe técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro que recomenda a súa retirada polo alto risco de caída. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, destaca que tras os resultados do estudo, “que ve inviable a recuperación dun abeto vermello, dun ciprés e dun cedro do Himalaia procederase a cortalos para garantir a seguridade da veciñanza e evitar calquera tipo de perigo”.

 

Unha das árbore con risco de desprendemento é un ciprés (Cupressus sp) de case 13 metros de altura e máis de 30 anos que está seco na súa maior parte e que, segundo recolle o informe, ao ser unha especie non fotosensible a posibilidade de que volva brotar é case nula e o risco de caída de ramas moi elevado. Dada as condicións sanitarias e estruturais do exemplar, o autor do estudo, Gaspar Bernárdez Villegas, doutor en Investigación Agraria e Forestal, recomenda a súa retirada.

 

Por outra banda, o abeto vermello (Picea abies) de 24 metros de altura e máis de 50 anos de antigüidade presenta unha infección por fungos (Botryosphaeria dothidea, Diaporthe rudis e Diplodia seriata) que fai que o informe técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomende a súa corta, xa que aínda que pode ser tratada, a alta toxicidade do funxicida que debe empregarse e a gran cantidade de ramas e agullas secas desaconséllao. O exemplar supón un perigo alto para a seguridade da veciñanza debido ao risco de fallo estrutural a medio-longo prazo, así como de crebadura de ramas e de caída arrancado a curto.

 

O Concello tamén procederá á corta dun cedro do Himalaia (Cedrus deodara) de case 19 metros e 50 anos, xa que presenta unha estrutura moi feble e pode caer ou perder ramas de gran tamaño a curto prazo, causando graves estrados. A estes problemas estruturais súmase a presenza de fungos Galerina marginata e de Armillarea mellea na base do fuste, o que indica a presenza de madeira morta na zona. Tamén foron detectadas cavidades no interior da árbores, polo que o informe asegura que a viabilidade do exemplar está moi comprometida.

 

VER INFORME COMPLETO