Un domingo de medo en Ponteareas atravesando o túnel do terror

Coa colaboración co Concello, o Club Patinaxe Artística Luar celebrará Samaín cunha actividade no pavillón municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino ás 18.00 h

Un domingo de medo en Ponteareas atravesando o túnel do terrorPonteareas prepárase para gozar dun Samaín de medo. O Club Patinaxe Artística Luar organiza este domingo 30 de outubro coa colaboración do Concello unha xornada terrorífica aberta a todos os públicos coa que nenos, nenas e persoas maiores poderán celebrar Samaín por adiantado.

O pavillón municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino acollerá a partir das 18.00 horas un túnel do terror, convertendo toda a instalación nun pasaxe de medo que o público poderá atravesar escapando de personaxes terribelmente espantosos grazas aos disfraces das e dos integrantes do club, que nesta ocasión non irán sobre patíns. Ademais, haberá moita música, globos e festa para pasar unha divertida tarde en familia.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, anima a todas e todos os ponteareáns a pasar unha tarde terrorificamente diferente con esta iniciativa do CPA Luar coa que se busca ofertar á veciñanza unha alternativa de lecer diferente durante o Samaín e dar a coñecer ao público o que se fai no club. A entrada será un donativo dun euro, co que se participa nun sorteo e se colabora para que as e os patinadores poidan seguir participando en diferentes competicións, sobre todo tras a incorporación do club á categoría Show.