Un ambicioso proxecto de musealización, apoiado nas tecnoloxías do século XXI, devolverá este verán ao Castelo de Sobroso todo o seu esplendor medieval

Carmela Silva:Un proxecto vangardista, innovador, tecnolóxico, que falará da historia, do patrimonio e da cultura dende unha contorna medioambiental incomparable”

Xosé Represas: “Acentuarase aínda máis a sensación de entrar noutra época; verase a importancia do castelo non só para Galicia, senón tamén para Portugal”

A Deputación, que investirá 300.000 euros, apura o paso para que este próximo verán a fortaleza ocupe un lugar preferente no escaparate turístico da provincia

En xullo vémonos no castelo musealizado de Sobroso”. Con este desexo “obxectivo”, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentou hoxe o ambicioso proxecto de musealización, que ten un orzamento de 300.000 euros, que mergullará ás persoas visitantes na rica historia da fortaleza da comarca do Condado, apoiándose para elo nas últimas tecnoloxías audiovisuais do século XXI.

 

Carmela Silva destacou a súa satisfacción por poder poñer en marcha “un proxecto vangardista, que falará da historia, do patrimonio e da cultura dende unha contorna medioambiental incomparable, que converterá ao Castelo de Sobroso nunha referencia turística de primeiro nivel da provincia e de Galicia”. O goberno provincial xa aprobou o proxecto, e xa está dotada a partida nos Orzamentos de 2021. Agora se está a traballar nos pregos de contratación co obxectivo de licitar o antes posible unha obra que ten un prazo de execución de catro meses. “Este castelo merece a atención e o compromiso da Deputación de Pontevedra”, destacou Silva, quen cualificou como “un luxo” poder contar co Concello de Ponteareas, “que sempre facilita todo e colaborou na elaboración do Plan de Actuación que agora concretamos con esta musealización que xa estamos desexando visitar”. Na súa opinión, Sobroso “é unha insignia patrimonial, unha xoia da arquitectura, a historia e a cultura dun pobo”.

 

Pola súa banda, Xosé Represas, tras agradecer a visión da Deputación “para impulsar un proxecto que non é local, senón provincial e mesmo de país”, destacou que o castelo “pasou dunha situación de desleixo e mesmo de abandono a un esforzo incomparable de recuperación e posta en valor”. “Cando un entra na finca parece que entra noutra época histórica; con este proxecto acentuarase aínda máis a sensación e, ademais, veremos con claridade o importante que Sobroso foi non só para Galicia, senón tamén para Portugal”.

 

Un percorrido dunha hora, con sete salas, videomapping e “experiencias sorprendentes”

O proxecto da fortaleza medieval do Condado segue a senda de éxito que xa supuxo a musealización do castelo de Soutomaior e, como no seu caso, conta tamén cunha nova imaxe corporativa, un deseño limpo que reproduce a súa silueta e que se incorporará a toda a sinaléctica e promoción.

 

As visitas a Sobroso consistirán nunha ruta de en torno a unha hora de duración en grupos reducidos de ata 15 persoas. Durante o traxecto visitaranse as distintas estancias dos dous corpos arquitectónicos do castelo. Acollerán un total de sete audiovisuais que contarán a historia cun enfoque ameno. Como destacou Carmela Silva, apóstase polo “turismo experiencial” e o apoio decidido nas tecnoloxías de luz e son do século XXI para mergullarse na historia. As visitas ofreceranse en galego, español e inglés.

 

Sobroso na paisaxe” é o primeiro audiovisual, consistente nunha gran impresión fotográfica no solo da primeira estancia. Ademais, as paredes disporán de caixas retroalimentadas e ofrecerán imaxes de referencia. En palabras da presidenta, as persoas visitantes “sorprenderanse ao verse envoltas, directamente, polo territorio” . “A historia do castelo e os seus habitantes” é a segunda experiencia da visita. Consiste nun audiovisual sobre o vidro, coa escenografía dunha gran vitrina onde se sincronizarán imaxes cos obxectos do interior. Narrará a vida na fortaleza medieval. “O castelo, protagonista na Idade Media” agardará aos visitantes, deseguido, cunha montaxe con diversas tarimas e elementos téxtiles. Cada módulo estará asociado a unha personaxe histórica vinculada a Sobroso: Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal e Isabel de Aragón. Como destacou Carmela Silva, catro persoeiros “dispostos nun espazo paritario, con dúas mulleres e dous homes relevantes da nosa historia”.

 

O castelo, da destrución á recuperación” será, sen dúbida, un dos audiovisuais que marcarán a visita. Utiliza, ao igual que xa se fixo en Soutomaior, a tecnoloxía do “videomapping” (proxección sobre elementos) para resaltar a sillería das paredes do castelo. A presidenta destacou que apóstase por simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras. Todo elo sincronizado cunha historiografía ben traballada e cunha narradora virtual que explicará os cambios producidos ao longo do século XX.

 

Os seres máxicos e a auga” é outro dos audiovisuais que non deixarán indiferente a ninguén. “A xente vai quedar moi sorprendida, pois aparecerá néboa, “destellos” de luces e unha locución que nos achegará ás lendas dos bosques de Sobroso”, destacou Carmela Silva. Os efectos quedarán acentuados pola utilización de luz cáustica nun ambiente envolvente e moi suxestivo.

 

A construción do castelo”, xa dende o corpo da torre da homenaxe, amosará paneis gráficos dedicados aos traballos para erixir a fortaleza. Ademais, introducirá ao público no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de canteiro que abundan neste espazo e están repartidas por toda a construción. Estes elementos estarán sinalizados e explicados en detalle.

 

Os castelos, escenario de trobadores” acollerá unha nova proxección consistente en dúas persoas namoradas, sentadas no parladoiro situado neste nivel da torre. Ao seu carón un trobador, proxectado sobre unha tea de tul transparente rememorará a lírica da Idade Media. A presidenta Silva subliñou que era necesario poñer en valor os “fermosos parladoiros de Sobroso, un dos elementos patrimoniais máis distintivos do castelo”. Silva aproveitou para comentar que tamén houbo mulleres trobadoras e mesmo hai teorías que sinalan que As Cantigas de Amigo foron compostas por unha muller.

 

A visita guiada a Sobroso concluirá co acceso á terraza que culmina a prominente torre da homenaxe. Unha atalaia dende a que se divisa unha ampla vista de todo o Condado e que, nos días claros, alcanza ata Portugal. A terraza estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os fitos e elementos da paisaxe.

 

Carmela Silva destacou que con esta musealización culmina unha andaina de valorización do castelo iniciada en 2015, co cambio nos gobernos da Deputación e do Concello de Ponteareas (propietario do edificio, aínda que este estea situado no termo municipal de Mondariz). Neste tempo fixéronse traballos de reforestación da finca, dotación da senda botánica con códigos QR, mellorouse o merendoiro, organizáronse visitas teatralizadas nos dous últimos anos, accións culturais (como o programa Re-Acción nos Castelos), completouse o perímetro de acceso e fíxose o mantemento das zonas verdes, entre outras melloras. A Deputación leva investidos no castelo nos últimos 5 anos máis de 1.275.000 euros. Froito deste traballo de recuperación emprendido, o castelo de Sobroso recibe preto de 20.000 visitantes anuais e neste 2020, a pesar do peche durante o estado de alarma e as sucesivas restricións derivadas da pandemia, está xa moi preto de ter recibido a 11.000 persoas.