Últimos días para inscribirse no LV Concurso de Gaitas do País

O prazo remata este venres 9 de setembro. O Concello convoca este certame para promover e difundir a música tradicional galega

Últimos días para inscribirse no LV Concurso de Gaitas do PaísÚltimos días para inscribirse na 55 edición do Concurso de Gaitas do País, un certame posto en marcha polo Concello e consolidado xa como a festa musical da súa especialidade máis antiga de Galicia, situando a Ponteareas como referente no panorama da música tradicional galega.

Os grupos participantes poderán presentar a súa solicitude de participación ata este venres 9 de setembro a través da sede electrónica ou do Rexistro de entrada do Concello. Teñen á súa disposición na web municipal toda a información sobre o concurso, así como bases e formularios.

O vindeiro 17 de setembro os grupos participantes tocarán en directo na sala multiúsos do auditorio municipal e, ademais, cos seus traxes tradicionais completos, percorrerán as rúas da contorna coa súa música. Durante estes pases o xurado decidirá os gañadores dos catro premios que reparte o concurso: unha gaita tradicional galega e un tamboril e 1.800 euros para o grupo que remate en primeiro posto, 1.200€ para o segundo, 900€ para o terceiro e 600€ para o cuarto. Ademais, todos os grupos participantes, agás os gañadores, recibirán unha gratificación de 300 euros.

O Concello organiza este concurso co obxectivo de promover e difundir a música tradicional galega. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca que “o evento converteuse xa nunha cita imprescindíbel tanto para o público como para os grupos, xa que é unha xornada moi emotiva e coa que dinamizamos o folclore galego”. O edil anima a todos os grupos a inscribirse e participar nesta xornada única.