No marco da elaboración do futuro Plan de Convivencia e Civismo, o Concello de Ponteareas ten en marcha un proceso participativo para implicar a toda a veciñanza no traballo de diagnose dos problemas de convivencia na vila e na definición das medidas e solucións que o Concello deberá implementar no futuro. O obxectivo é “acadar unha vila e unhas parroquias coidadas, agradábeis, limpas, saudábeis e seguras”, sinala o concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera.
As persoas interesadas en participar teñen ata este 30 de setembro para dar a súa opinión e facilitar información e ideas a través da enquisa en liña dispoñíbel na web do Concello. Esta enquisa divídese en cinco bloques temáticos relativos á limpeza, aos ruídos, á mobilidade, ao uso do espazo e dos bens públicos e á seguridade e saúde. A veciñanza poderá pronunciarse sobre a frecuencia, importancia e lugares nos que se producen diferentes problemáticas de convivencia e cales son as súas causas, ademais de propoñer accións e medidas para darlles solución dende o Concello.
Co Plan de Convivencia e Civismo o goberno municipal quere abordar os problemas de limpeza nos espazos públicos como a presenza de lixo, cabichas de tabaco, depósito de residuos fóra dos colectores, cartelaría en fachadas, excrementos e miccións de cans ou pintadas. En materia de ruídos, a enquisa refírese aos producidos no interior de locais de hostalaría ou en terrazas, por actividades industriais, eventos, tráfico ou actividades nocturnas de carga e descarga, entre outras. No relativo á mobilidade as problemáticas sobre as que se pide opinión veciñal son o exceso de velocidade e condución temeraria ou baixo efectos de alcohol ou drogas e a ocupación por vehículos de espazos reservados a peóns ou a persoas con mobilidade reducida. Respecto á seguridade e saúde, os problemas asociados ao botellón, o paseo de cans incumprindo normas de seguridade coma a correa, as edificacións en ruína, os cheiros desagradábeis ou a presenza de roedores ou pragas en zonas públicas conforman a listaxe neste apartado. Por último, no relativo ao uso dos espazos e bens públicos, pídese opinión respecto á súa ocupación por terrazas de hostalaría, o xogo con balóns en prazas, a presenza de bicicletas e patinetes en zonas peonís ou o vandalismo sobre mobiliario urbano.