Tras uns meses repletos de éxitos, chegan a Ponteareas este domingo “Os Bolechas e o Sabichón”, a coñecida familia Bolechas, deseñada por Pepe Carreiro.

Cartel os BolechasO día 7 de setembro, domingo, os nenos e familias de Ponteareas poderán gozar do espectáculo de “ Os Bolechas e o Sabichón”, ás 12:45 h, no Auditorio Reveriano Soutullo, de xeito gratuíto, ata completar aforo, e dentro da programación das Festas dos Remedios.

Os Bolechas e o Sabichón é un espectáculo de monicreques para nenos de 3 a 9 anos e familias, no que os monecos preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, modalidade novidosa en Galicia. O Sabichón é un personaxe moi “listiño” que presenta o concurso. Nel participan dous equipos, un liderado por Braulio Bolechas e outro por Loli Bolechas, os irmáns que terán que enfrontarse a preguntas e probas moi divertidas. Para venceren, precisarán da axuda do público, converténdose a xente miúda en protagonista do espectáculo.

Esta actividade, encádrase dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e leva percorrendo desde a primavera 57 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, entre os que se encontra o Concello de Ponteareas, coa colaboración das deputacións provinciais de Pontevedra e da Coruña.