Tralo éxito da primeira edición, volve a Feira do Libro a Ponteareas

O goberno de Ponteareas presenta a segunda edición da Feira do Libro que terá lugar dende o xoves día 26 de xullo ao domingo día 29. Da man de Nani Regueira, coordinadora Xeral da Federación de Libreiros de Galicia e como coordinador o escritor e Xornalista Manrique Fernández, a concelleira de Cultura, Hortensia Baustista, e o Alcalde Xosé Represas presentaron a programación destes catro días adicados non só ao fomento da lectura se non tamén á promoción dos Libreiros e dos escritores tanto nóveles como consagrados.

A feira do libro de Ponteareas será un escaparate variado e amplo no que a programación recolle actividades para toda a familia e premios, sorteos e agasallos para todos os que se acheguen a goza do mundo máxico que agocha o papel.

A apertura da Feira do Libro de Ponteareas será o xoves día 26 ás 18:00 horas na Praza Maior e ás 20 horas será a lectura do pregón a cargo da escritora Isabel Blanco seguida da actuación de Miguel Alonso. 

De 12 a 14 horas e de 18 a 22 horas, agás o sábado que abre unha hora antes, poderemos participar en visitas guiadas para nenos e nenas da man de Aladino e a lámpada máxica, sinaturas de libros como a de Finy Sesmonde, presentacións de libros como o de Iago López co seu “O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas” ou a de Kiko da Silva que sae do seu garaxe hermético para presentar “O picoto do pai”, unha novela gráfica creada polo alumnado do seu taller…

Ata Ponteareas tamén se achegarán para asinar e presentar as súas obras J.M Ledo, Marta Dacosta, Luz Beloso, D´Angelo, Ramón Nicolás, Roi Vidal e Manoel da Costa Pardo, entre outros escritores.

Actuacións musicais e visitas guiadas polo roteiro guiado por “Seraogna, a terra de Pexegueiro”, completan o programa de actividades.

Para a concelleira de cultura a Feira do Libro é unha oportunidade para dar a coñecer autores locais e tamén apoidar a promoción das obras dos autores do resto de Galicia. Hortensia Bautista adianta que en Ponteareas estarán presentes tres librerías locais e tres librerias que se achegan do resto da xeografía galega que completan unha programación interactiva na que se busca a implicación dos asistentes.

Nani Regueira da Federación de Libreiros destaca que a cita do ano pasado en Ponteareas foi todo un éxito e agarda que este ano se superen as cifras de participación da pasada edición que superou todas as expectativas tendo unha moi boa acollida.

Xosé Represas convida a toda a veciñanza da área metropolitana a desfrutar de cada unha das actividades e a descubrir a diversión e o entretemento da man dos libros, da lectura, da creación literaria, da música como relatora de historias e dun sinfín de experiencias vinculadas ás verbas.