Tradición e modernidade sobre o escenario co concerto de Xisco Feijoo este sábado 17 en Ponteareas

Será ás 21.00 h no auditorio da Feira Vella co seu último disco, ‘Peixe’, gañador do premio aRi[t]mar á mellor canción galega do ano 2021

As localidades poderán adquirirse na biblioteca municipal venres e sábado de 11.00 a 14.00 h e o sábado a partir das 19.30 na zona do concerto

Tradición e modernidade sobre o escenario co concerto de Xisco Feijoo este sábado 17 en PonteareasDespois de máis de 30 anos facendo un incesante traballo de recuperación etnográfica e colaborando en máis de 20 discos e espectáculos de artistas de proxección internacional, Xisco Feijoo chega esta fin de semana a Ponteareas coa súa primeira achega musical en solitario, ‘Peixe’, que inclúe unha peza do mesmo nome galardoada co premio aRi[t]mar á mellor canción galega do ano 2021.

Será este sábado 17 de setembro ás 21.00 horas no auditorio da Feira Vella ao abeiro das Festas de Setembro do Concello de Ponteareas, onde presentará un espectáculo preñado da esencia máis fonda da música tradicional interpretada dende unha ollada contemporánea. Unha visión dominada polas novas tecnoloxías pero con respecto e posta en valor das orixes máis puras e ancestrais.

“Queremos celebrar o noso mes grande de festas non só con espectáculos e lecer para todos os públicos e gustos, senón tamén cun programa que reafirma o compromiso do Concello coa nosa cultura e a nosa lingua”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O concerto forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), polo que terá un curso de 3 euros. As localidades estarán a venda de forma anticipada venres e sábado de 11.00 a 14.00 horas na biblioteca municipal e o sábado a partir das 19.30 horas e tata o comezo do espectáculo na propia Feira Vella.

Cantante, premiado bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre da ETRAD ou coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SondeSeu son algunhas das súas máis destacadas facetas como artista total, traballador tenaz a prol do canto e do baile tradicional. En todas elas é quen de deixar a súa pegada: a esencia máis fonda da música de creación colectiva, a partir da experiencia e a investigación, pero dende unha óptica moderna e renovadora. Entre os seus traballos atópanse colaboracións con Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto, Rodrigo Romaní ou Tanxugueiras, coas que traballou como actor e bailador en ‘Midas’.

Por outra banda, o Concello informa de que se adía a celebración do LV Concurso de Gaitas do País, prevista para este sábado 17 pola tarde e que incluía ruada dos grupos participantes polo centro urbano previa ao certame.