Torneo escolar de xadrez, o sábado 23 de maio no Ramiro Sabell

segundo-torneo-ramiro-sabell-2O CEIP Ramiro Sabell de Ponteareas será o escenario do segundo torneo escolar organizado polo Clube de Xadrez Ramiro Sabell. O campionato celebrarase o vindeiro sábado 23 de maio a partir das 11:00 horas e contará con catro categorías diferentes: sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14.

A competición foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ponteareas, en presenza do alcalde ponteareán, Salvador González, do concelleiro de Deportes, Alberto Novoa, da presidenta do clube, Cecilia Fernández, e da adestradora do clube, Yudania Hernández. Trátase, asemade, dun torneo válido para o Circuito Galego de Xadrez 2015.

O prazo límite para se inscribir remata o xoves 21 de maio, este día inclusive. Todos os interesados poden informarse chamando ao número de teléfono 655 61 05 43. Dende o clube agardan unha participación cercana aos 150 xogadores.

A organización ten preparados trofeos para os cinco primeiros clasificados en cada categoría, ademais dun recoñecemento para o mellor ponteareán ou ponteareá. Todos os participantes levarán unha medalla e formarán parte dun sorteo con diversos agasallos.