Todos podemos aportar axuda para o centro local de reparto de alimentos con motivo da andaina de regularidade Ponteareas25km

Na praza Maior ata as 10 horas todo o mundo pode achegar produtos de alimentación e hixiene

Arroz, pasta, leite, galletas, atún e sardiñas en conserva, legumes, froita e verduras en conserva e aceite de oliva son os produtos que máis precisa o centro de reparto de alimentos de Ponteareas e por iso a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, e o grupo “Os do Condado” piden a colaboración da cidadanía para que todos e todas as que poidan aporten este domingo algúns destes produtos. Os e as inscritas na andaina de regularidade “Ponteareas25km” darán exemplo e amosarán o seu lado máis solidario, tamén o farán os da Ruta Solidaria de 12 km pero o resto da veciñanza tamén o poderá facer simplemente achegándose ata as dez da mañá ao punto de saída e entregando á organización esta grande axuda.

Esta marcha, organizada en colaboración con Xistra, sairá dende a Praza Maior ás 09:00 horas para chegar a senda do Tea, Mondariz por paseo de Troncoso, cruzar Pías, Castro de Troña, Castelo do Sobroso, Picaraña e retornar ao pavillón.

A inscrición da proba de 25km debe realizarse na páxina web de galitiming  http://cort.as/-SEOF

Pola súa banda, a inscrición da proba de 12 km Ruta Solidaria de Ponteareas debe realizarse na seguinte ligazón http://cort.as/-SEwm cumprimentando o formulario anexo.

A marcha solidaria de 12 km sae ás 10:00 a.m. tamén da Praza Maior, percorrendo a senda do Tea ata o Cristo do Piñón e regreso por Ribadetea ata enlazar coa senda do Tea e chegar ao pavillón.

Marcha sen plásticos

Seguindo na liña da redución do consumo de plástico, os e as participantes deberán levar cantimploras porque non se repartirán vasos plásticos.

Rosa Covelo, concelleira de Medio Ambiente, agradece o traballo do grupo “Os do Condado” e de Xistra e salienta a importancia deste tipo de actividades que nos achegan ao medio natural e nos permiten coñecer lugares de alto valor ambiental e histórico. A concelleira convida a participar en familia e involucrar á mocidade para que faga seu o legado natural “para protexer, hai que coñecer. Só amosándolles o noso patrimonio medioambiental poden chegar a respectalo e amalo”. Todas estas iniciativas, ademais, camiñan na liña dos obxectivos marcados dentro da estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudable”.