Todo o sector comercial de Ponteareas desenvolve unha campaña conxunta con motivo do Día dos Namorados

A ‘Ponte a Querer’ é unha iniciativa que parte do propio sector e que conta co apoio da Concellería de Comercio do Concello de Ponteareas que xestiona Inés Vidal.

Por primeira vez, as asociacións comerciais existentes en Ponteareas ─Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos, Asociación de Comerciantes Tea, CCA Ponteareas Comercial, Agrupación Comercial Avda. Castelao e adxacentes e Asociación de Hostalería─ desenvolven unha iniciativa conxunta de dinamización do sector con motivo do Día de San Valentín, que conta coa colaboración do Concello de Ponteareas e a Casa Cultural de Arcos.

A campaña ‘Ponte a Querer’ sorteará diversos e interesantes agasallos entre os compradores que, entre os días 8 e 17 de febreiro, merquen no comercio local ou consuman nos establecementos adheridos á Asociación de Hostalería.

En total sortearanse 6 vales de ceas para dúas persoas, 2 vales compra, de 50 euros cada un, para o Mercado de Abastos e 17 vales de dúas consumicións.

O sorteo dos agasallos terá lugar o sábado 18 de febreiro, a partir das 13 horas na praza de abastos de Ponteareas, nun acto aberto a todo o público que desexe asistir que, ademais, poderá gozar da actuación musical de Alberto Cunha.

A concelleira de Comercio do Concello de Ponteareas, Inés Vidal, destacou o feito de que “por primeira vez”, todo o colectivo comercial e hostaleiro “traballe conxuntamente na procura dun obxectivo común que beneficia a todos, como é a dinamización do sector comercial” e agradecía a colaboración e traballo de todas elas “para que esta campaña sexa todo un éxito”.

Vidal amosou o seu convencemento de que este “é un primeiro paso para que Ponteareas recupere o seu protagonismo dentro da actividade comercial e hostaleira do Condado e A Paradanta”.

Finalmente a concelleira de Comercio subliñou a importancia de que unha iniciativa deste calado “xurdira dos propios comerciantes e hostaleiros, o que amosa ben as claras o seu interese traballar todos na mesma dirección”.