O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convida a toda a cidadanía a participar no acto homenaxe á xente do mar que terá lugar no Centro Cultural Xinzo este domingo 15 de setembro con motivo do recoñecemento e posta en valor da vinculación das veciñas e veciños desta parroquia ao mundo do mar.
Esta iniciativa do Centro Cultural Xinzo pretende salientar o importante papel que xogou para a economía local este sector e foi xa impulsada pola anterior directiva da man de Samuel Leirós. A pesares de non estar ubicados na beira do mar, a xente de Xinzo supliron a distancia con doses de emprendemento, forza de vontade e moita capacidade de traballo.
Armadores, mariñeiros, peixeiras e carrexonas, empregadas das fábricas de conserva… os e as veciñas de Xinzo coñecen todas as tarefas vinculadas ao mundo do mar e froito desta ampla experiencia e coñecemento do sector fundaron empresas que medraron ata ser coñecidas dentro e fóra da península. Iberconsa, Hiperxel, Fernández Ibañez, González Parada, Saferpa, Iberport, Comercial Ibáñez, Pescados Jabacho… son algunhas das empresas que crearon veciños e veciñas de Xinzo. A directiva do Centro Cultural salienta que un 80% das familias de Xinzo estiveron vinculadas laboralmente ao mar que tamén foi o primeiro que deu oportunidade de emprego ás mulleres, motivo polo que o Centro Cultural quixo render esta homenaxe que durará todo o día con diferentes actividades.
Ás 11:30 horas será a recepción para que as 12:00 horas todos e todas as presentes desfruten da música da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Ás 12:45 será o oficio relixioso. Ao remate procederase á ofrenda floral no monumento á Peixeira. O grupo de baile do Centro Cultural Xinzo actuará ás 13:30 horas xusto antes de que teña lugar o xantar cun menú, como non podía ser doutro xeito, a base de produtos do mar.
Ás 17 horas a soprano Beatriz Fandiño acompañada ao piano de Yolanda Represas actuará no auditorio do Centro Cultural Xinzo para dar paso á presentación do documental “Terra con mar de fondo” da xornalista Cristina Maró da produtora Que+Ver. Baixo a ollada desta comunicadora farase un percorrido pola pegada que o mar deixou na parroquia. Cristina Maró recolle testemuños e deixa nas mans dos protagonistas o relato desa actividade económica que se desenvolvía nunha terra á que as ondas do mar chegaban en forma de negocio e modo de vida.
Unha cuncha atopada no ano 56 no lugar de Liñar da Raíña no monte comunal delata o camiño que as xente do mar en Xinzo percorrían para ir a Vigo e Redondela.
Para rematar esta xornada de reencontro coas orixes desta xente emprendedora o monologuista Cándido Pazó porá en escena “Cousas con mar de fondo” ás 18:15 horas.