Teresa Ríos Noya presenta o seu primeiro libro de poemas en Ponteareas

No marco do ciclo de presentacións de libros Abril, mes dos libros, que organiza a Concellaría de Cultura para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, Teresa Ríos presentará o seu primeiro libro de poemas, Non estamos preparados para medrar. O acto terá lugar o vindeiro xoves 22 de abril ás 20 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal. Contará coa presenza da autora; coa da escritora e actriz María Lado, prologuista deste libro de poemas; e coa de Wladimir Vaz, representante da editorial Urutau.

A poeta Teresa Rios Noya, nada no concello fisterrán de Dumbría, vive, dende hai trinta anos, en Ponteareas, onde participa activamente na súa vida cultural e literaria e onde acadou diferentes premios en distintos certames. Hogano, é unha das compoñentes do colectivo de poesía de base Versos de Area e da súa sección teatral Cabrafanada e ten colaborado en varias publicacións colectivas.

“Neste mes do libro, queremos amosar o bo momento e a calidade das letras ponteareás. Despois do éxito das dúas presentacións anteriores, é a quenda de Teresa Ríos e da súa singular e incombustíbel voz poética que combina, cunha mestría verdadeiramente admirábel, poemas íntimos coas preocupacións e desexos de toda unha sociedade” comenta o concelleiro da Área de Cultura, Fernando Groba.

Para asistir á presentación, as persoas interesadas deberán reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal.