Terceira Feira de Abril en Ponteareas

feria-abril-ponteareas-2015A sede da Deputación de Pontevedra na cidade de Vigo foi o escenario da presentación da Terceira Feria de Abril de Ponteareas, que terá lugar os vindeiros días 9 e 10 de maio.  O acto contou coa presenza de Marisol Valado, concelleira de Comercio do Concello de Ponteareas, de Marta Iglesias, deputada provincial da Deutación de Pontevedra, de Marcos Carrera, representante da Asociación de Hostalería e Turismo do Condado e de Lina Limeres, presidenta da Asociación de Comerciantes do Tea.

Marisol Valado quixo agradecer a colaboración da Deputación e o compromiso por parte das dúas Asociacións na organización deste evento. Un acontecemento que comezará o sábado 9 de maio a partir das 19:00 horas con música e baile en directo en varios locais de hostalería do Concello, que ademais ofrecerán pratos e bebidas típicas desta festa andaluza.

Como “novidade desta terceira edición”, a concelleira destacou a “congregación que terá lugar na Praza Bugallal de comerciantes e hostaleiros durante todo o día do domingo 10 de maio”, con casetas e actuacións que tentarán transportar aos participantes ata a auténtica Feria de Abril. Ademais, todos aqueles que vaian vestidos de faralae levarán un “rebujito” de regalo.

A deputada Marta Iglesias quixo “felicitar á concellería de Comercio do Concello de Ponteareas pola posta en marcha deste tipo de iniciativas, que pretenden que nos acheguemos a Ponteareas para desfrutar do seu comercio e dos seus restaurantes”.

Pola súa banda, tanto Marcos Carrera como Lina Limeres expresaron desexo de contar cunha  ”gran afluencia” na que estiman é unha feira interesante pensada para que a xente se divirta moito. O representante dos hostaleiros tamén salientou que os locais estarán “decorados para a ocasión”, mentres que a presidenta dos comerciantes do Tea sinalou “que vai ser unha festa con moita alegría, esperando que os visitantes pasen dous días moi entretidos en Ponteareas”. O domingo, a Praza Bugallal tamén estará aberta a todos aqueles comerciantes do mercado ambulante que desexen participar.

A Feira de Abril de Ponteareas xuntarase cunha intensa actividade deportiva prevista tamén para esta fin de semana no municipio, onde terán lugar a carreira ciclista Clásica Álvaro Pino e o Campionato de España de Bádminton.