Teatro Calavera porá en escena “Chocolate, do cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa”, este sábado, día 8 de xuño, ás 12:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe en funcións Hortensia Bautista, volve agasallar todas as familias cunha actividade enmarcada dentro do programa Apego.

Nesta ocasión o Auditorio Municipal acolle este sábado, día 8 de xuño, ás 12:00 horas, o conto “ Chocolate, do cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa”, de Teatro Calavera.

Neste conto dirixido para o público infantil, o cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa cóntannos o divertido que é cociñar entre amigas e amigos, así que xuntos argallan unha nova receita coa que superarse a si mesmos e pasalo bomba. Vivirán unha gran aventura para aprender a receita do mellor chocolate, navegando polo mar, aparecendo personaxes moi especiais como a velliña cociñeira india, o pirata Calavera, os monstros do mar e o gardián da illa de Santo Tomé, que non lle deixará coller os froitos de chocolate. Ao rematar, as nenas e nenos poderán elaborar co cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa unha delicia de chocolate.

Esta actividade é de balde e forma parte dun conxunto de actividades realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego., un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades, etc.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.