Talento feminino en clave de humor en Ponteareas con ‘Cómicas, habelas hainas’

O espectáculo chega á vila o domingo 23 (19 h) e contará coa participación de Bárbara Grandío, Marta Doviro, Jazmín Abuín e Arantxa Treus

Talento feminino en clave de humor en Ponteareas con ‘Cómicas, habelas hainas’O ciclo de humor ‘Cómicas, habelas hainas’ chega esta fin de semana a Ponteareas cunha divertida proposta que visibiliza o talento feminino no sector e normaliza a presenza das mulleres nos circuítos humorísticos. Promovido pola Deputación de Pontevedra, o espectáculo poderá gozarse este domingo 23 de abril na sala multiúsos do auditorio municipal coa participación da presentadora Bárbara Grandío e coas cómicas galegas Marta Doviro, Jazmín Abuín e Arantxa Treus. A actuación comezará ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo.

Trátase dunha proposta que busca “rematar cos prexuízos que aínda hoxe en día se seguen a vivir nun ámbito profesional como a comedia e ofrecer ao público un espectáculo distinto que o conquiste dende o primeiro momento”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O acto estará presentado pola actriz coruñesa Bárbara Grandío, coñecida por series como ‘La que se avecina’, na que estivo varias tempadas, ‘A estiba’, ‘Lobos e cordeiros’ e ‘Anclados’, entre outras. Destaca o seu traballo en películas como ‘Historias lamentables’ de Javier Freser ou ‘A historia dun satélite’ de Also Sisters, coa que foi candidata aos Premios Mestre Mateo 2018 á mellor actriz.

Pola súa banda, Marta Doviro, con máis de dez anos sobre os escenario, acumula varias facetas como actriz, presentadora ou cómica. Participou en películas e series da Televisión de Galicia como ‘Pazo de Familia’ ou ‘Luci’, ademais de presentar máis dunha ducia de programas de entretemento. Foi galardoada co Premio Dorotea Bárcena á mellor monologuista cómica.

Jazmín Abuín é unha actriz, monologuista, cantante e xornalista viguesa cunha longa traxectoria tanto en teatro musical e de texto como en televisión (‘Acacias 38’, ‘Amar es para siempre’, ‘La que se avecina’, ‘Serramoura’ ou ‘Machos Alfa’) e cine. Compaxina a súa faceta de actriz e cantante coa de monologuista. Actualmente é unha das cómicas de ‘El Club de la Comedia’ en Madrid, ademais de representar o seu espectáculo de comedia en vivo ‘Riquiña’ por toda España.

No espectáculo tamén participará Arantxa Treus, unha polifacética artista que comparte escenario todos os meses coas e cos mellores monologuistas do país co seu espectáculo ‘Los monólogos de la Treus’. Traballou en serie de televisión como ‘Gondar’, ‘Serramoura’ ou ‘Fariña’. O seu monólogo ‘Sexo débil, o carallo’ recibiu o premio do Festival de Teatro Galego Celso Parada de 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara ‘Revolta’, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano dende a súa mirada crítica e humorística contada por mulleres.