Sucesos e curiosidades de Ponteareas e as súas parroquias na estrea da Comuna e o seu ‘Cando o río sona’

Sucesos e curiosidades de Ponteareas e as súas parroquias na estrea da Comuna e o seu ‘Cando o río sona’

O grupo de teatro comunitario súbese por primeira vez ao escenario cunha representación no auditorio municipal este sábado 17 de xuño ás 20.30 horas

Despois de máis dun ano buscando historias que vexan a luz, o grupo de teatro comunitario A Comuna súbese por primeira vez a un escenario para estrear ‘Cando o río sona’, unha representación no que o elenco escenificará sucesos ocorridos en Ponteareas e as súas 24 parroquias e explorará curiosidades que seguro van facer ao público coñecer a vila dende outro punto de vista.

A actuación será este sábado 17 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo con entrada de balde. Nela as e os espectadores poderán gozar dun tipo de teatro pensado por e para a veciñanza que nace na década dos 80 do século pasado na Arxentina e que dende entón marca as súas diferenzas con outros tipos de teatro polas súas peculiaridades.

O teatro comunitario é unha práctica de índole social na que se pon en valor a recollida de historias da contorna, facendo que a práctica incremente os valores de vivencia colectiva, compartindo co público reflexións e debate ao final nunha conversa colectiva tras a función.