Sigue nas redes sociais e na canle de youtube a lectura do manifesto contra as violencias machistas

Ponteareas rexeita as violencias machistas e así o deixará claro no manifesto, consensuado por toda a Corporación, ao que se dará lectura mañá mércores día 25 ás 13 horas. A lectura de manifesto por parte de tódolos grupos da Corporación poderá seguirse a través da rede social Facebook do Concello de Ponteareas e da canle de youtube do Concello.

 

“A lectura do manifesto é un acto que simboliza o traballo diario que dende a concellaría de Benestar Social e Igualdade se realiza para rematar con actitudes violentas que lamentablemente seguen a murchar ás nosas mulleres. É un gran de area dentro do importante esforzo que realizan as profesionais do Centro de Información á Muller (CIM), o persoal dos servizos sociais en xeral e as distintas autoridades e persoas implicadas no grupo anti violencia de xénero”, explica Verónica Carrera, concelleira de Benestar Social e Igualdade, engadindo que “lamentablemente aínda non é suficiente para mudar estes comportamentos que deben erradicarse da sociedade para acadar, xunto a moitos outros esforzos, a xustiza social e a igualdade.

Dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade co motivo do Día Internacional contra as Violencias Machistas convidaron ás entidades do noso concello a publicar nas súas redes sociais a campaña “Ponteareas contra as violencias machista” amosando así o rexeitamento do noso pobo.

 

“Dada a situación actual de pandemia, que impide a posibilidade de concentración de persoas, a concellería de Igualdade pide a implicación da veciñanza para facer visible a unión de toda a sociedade ante esta problemática evidente”.

Verónica Carrera lembra que calquera muller pode atopar apoio e información no Centro de Información a Muller tan só chamando para solicitar cita previa ao número de teléfono 986 64 46 53.