Servizos Sociais do Concello de Ponteareas asesora sobre as axudas para fillos menores de tres anos que concede a Xunta de Galicia

rosa_carreraO Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Servizos Sociais e Muller, que dirixe Rosa Carrera, quere difundir e informar da posibilidade de solicitar axudas por prestación económica por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015, establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, na orde publicada o luns, día 2 de febreiro,  no Diario Oficial de Galicia.

Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2.1.2012 e o 1.1.2015, incluídos) e que, durante o ano 2013, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte: cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros; cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros e para a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

O prazo de presentación das solicitudes abranguerá desde o 3 de febreiro ata o 14 de febreiro e deberán presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou en soporte en papel a través do Portelo único do Concello de Ponteareas, usando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas en solicitar estas axudas poden dirixirse aos servizos administrativos do Centro de Servizos Sociais de Ponteareas, situado na rúa de Oriente, nº8, onde recibirán a información e o asesoramento necesario, así como axuda para a cumprimentación da solicitude.