Semana das Ciencias

Un ambicioso evento organizado dende a concellería de Ensino que divulgará coñecemento científico en diferentes áreas entre os días 18 e 23 de abril

Existe unha web específica creada para estas xornadas: http://semanaciencia.ponteareas.gal/

semana-ciencias-portada-webO Concello de Ponteareas será o punto de encontro de diferentes investigadores e colectivos científicos entre os días 18 e 23 de abril. A concellería de Ensino, xestionada por Cristina Fernández, presentou oficialmente a primeira edición da Semana das Ciencias, nun acto que tamén contou coa presenza do alcalde ponteareán, Xosé Represas, e de Xabier Prado, profesor de Física no IES Pedra da Auga, representante de todo profesorado que colabora na Semana das Ciencias e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (DivulgAcción), unha das que participará nestas xornadas.

A Semana das Ciencias, que pretende “fomentar o interese polas distintas áreas científicas entre o alumnado de Ponteareas e difundir estas áreas de coñecemento entre a cidadanía da nosa vila, incentivando a súa participación nas cuestións científicas”, tal e como confirmou a edil de Ensino, Cristina Fernández, pivotará en torno a 5 conferencias impartidas por recoñecidos investigadores de distintos eidos no Auditorio “Reveriano Soutullo”, as cales serán abertas ao público en xeral e recomendadas para o alumnado de Bacharelato, que accederá en breve á súa etapa universitaria.

O 18 de abril, a partir das 19:30 horas, a doutora en Física e directora do Departamento de Física Aplicada na USC, Josefa Salgado, presentará a exposición “A outra metade da Física Aplicada en Galicia: o papel das físicas galegas do século XXI”.

O martes 19 de abril, a partir das 17:00 horas, o Doutor en Física e Profesor do Departamento de Física Aplicada na ETSE de Minas da Universidade de Vigo, José Benito Vázquez, impartirá a conferencia que leva por título “A interferencia luminosa: cando a luz interacciona coa luz nunha pompa de xabón ou na detección de ondas de gravitación”. Tamén o mesmo 19 de abril, dende as 19:30 horas, as investigadoras ponteareás do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Mónica Carrera e Laura Cal, serán as encargadas de ofrecer a charla “Ciencia e medio mariño”.

O mércores 20 de abril, a aprtir das 19:30 horas, o Doutor en Matemáticas e Profesor titular no Departamento de Matemática Aplicada II na Universidade de Vigo, Iván Area Carracedo, presentará a exposición “Matemática das epidemias: Ébola e Zika”.

Xa o xoves 21 de abril, dende as 19:00 horas, o Doutor en Medicina e Catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo Álvarez, impartirá a conferencia “Bases xenéticas das enfermidades”.

Ademais, durante esa semana, e tamén no Auditorio Reveriano Soutullo, habilitarase o Museo Científico “Ciencia en Movemento” dirixido ao todos os alumnos de 4º ESO e 6º de Educación Primaria de todos os centros escolares de Ponteareas. O Museo estará instalado dende o 18 ata o 22 de abril e este último día estará aberto, asemade, para o público en xeral, de maneira gratuíta, en horario de 17:00 a 20:00 horas, previa inscripción no Auditorio.

A interacción dos centros escolares co resto da cidadanía poderase visualizar o venres 22 de abril, en horario de 17:00 a 20:00 horas, nas rúas Morales Hidalgo e Estrada, onde se situarán os Stands dos Pequenos Investigadores. Diferentes postos nos que alumnado e profesorado exporán “inventos, proxectos e investigacións de diferente índole, nas que o público poderá observar, manipular ou interactuar en cada un deles”, tal e como explicou na presentación o profesor do IES Pedra da Auga, Xabier Prado.

Por último, o sábado 23 de abril, o Punto Científico – Ciencia na Rúa, promovido pola Asociación DivulgAcción, instalará a partir das 12:00 horas un punto nos Xardíns da Xiralda, diante da Casa do Concello, no que será posible informarse máis acerca de cuestións como a enerxía nuclear, a nanotecnoloxía ou a relatividade visual, entre outras.

O alcalde, Xosé Represas, valorou “o enorme traballo que hai detrás dun acto deste calibre, que situará a Ponteareas como punto de referencia científico en Galicia durante unha semana enteira grazas á presenza de investigadores e científicos de contrastada traxectoria”. O rexedor local aproveitou para felicitar “á concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e a todos os centros escolares que colaboraron na organización dun evento que axuda a divulgar coñecemento en diferentes áreas e que, agardamos, sexa o primeiro de moitos”.