A Semana da Mobilidade chega a Ponteareas con actividades deportivas, charlas e descontos no servizo de taxi

Por vez primeira o Concello de Ponteareas súmase á Semana Europea de Mobilidade, deste xeito a Concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, pon en marcha as actividades da Semana Europea da Mobilidade con actividades deportivas, charlas educativas, descontos no servizo de taxi e outras moitas iniciativas co obxectivo de aparcar o coche e concienciarnos de que hai outros xeitos posibles de desprazarnos.


A campaña de concienciación arranca o sábado día 16 cun día sen coches no que o centro urbano estará pechado ao tráfico e no que a partir das 09:00 horas a Policía Local informará na Praza Bugallal sobre condución eficiente. Baixo o título “10 claves para conducir de forma eficiente” saberemos como aforrar combustible ou conducir de xeito seguro grazas a autoescola La Guía. Paralelamente a Policía Local seguirá coas charlas polas parroquias durante toda a semana insistindo na importancia para os peóns do uso do chaleco reflectante. A partir das 16:00 horas terá lugar a proba ciclista para tódolos públicos.
O día sen coches volve o domingo ao centro urbano que estará pechado ao tráfico e a partir das 10 horas terá lugar a marcha ciclista para tódolos públicos.
O luns 18 na Praza Maior tódolos veciños poderán facer Yoga Tibetano e ás 20 horas Taichi-Chikung en colaboración co Centro de Terapia Salus.
O martes 19 será o día do Transporte Público con descontos do 10% nas tarifas do servizo de taxi .
Vanesa Fernández quere agradecer a colaboración de tódalas casas comercias e colectivos implicados sen os que non sería posible o desenvolvemento desta iniciativa, en especial á autoescola La Guía, Bicimecanica Toñi Porto e Construcións Bouzo.
A Semana Europea de Mobilidade remata o venres día 22 coa exposición de bicicletas na rúa Esperanza, “A Bici no Tempo”. Durante todo o dia haberá bicicletas a disposición da cidadanía para utilizar no caso urbano.
A Semana Europea da Mobilidade informará sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente e os beneficios do uso de outros transportes máis sostenibles como o transporte público, a bicicleta ou as viaxes a pé.