Seis globos de papel de seda surcarán o ceo da comarca o domingo

Os tradicionais globos de San Miguel chegarán á praza da igrexa este domingo día 29 ás 13:30 horas. Seis globos realizados de xeito artesán por Enrique González, Vicky Amoedo e Liliana Valencia coa colaboración dos e das traballadoras da biblioteca e da oficina de turismo.

Nesta ocasión os globos de San Miguel foron deseñados por Vicky Amoedo e por Enrique González.

Dende o centro da praza da igrexa estes seis globos surcarán o ceo da comarca para transmitir unha tradición que chega cada ano co peche das festas de setembro.

O concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, agradece o intenso traballo realizado por todos e todas na confección destes delicados globos.

Son moitas as xornadas dedicadas a dar forma con papel de seda de cores a estas seis xoias que serán descobertas despois do concerto da Banda de Música Unión de Guláns ás 11 diante do casa do concello.

Ás 19:30 horas a sala multiusos do auditorio municipal acollerá o concerto de folclore arxentino con Casiana Torres. As orquestras porán ritmo á xornada do domingo a partir das 21 horas na praza Bugallal con Orquestra Suavecito e ás 22:30 horas coa orquestra Cinema.

O luns, día festivo, as rúas do centro urbano serán da infancia e a partir das 18 horas haberá animación infantil con Benito e Rufina. Ás 20:30 horas os Festicultores Troupe actuarán nas rúas do centro urbano e ás 22:30 horas pechará as festas a orquestra La Fórmula.