O Pleno do Concello de Ponteareas debateu onte unha iniciativa do Partido Popular na que se solicitaba rebaixar os salarios da corporación municipal. O goberno de Ponteareas, BNG-PSOE, liderado por Xosé Represas amosou a súa satisfacción tralo debate despois de que a portavoz popular, Belén Villar, afirmase que “os salarios dos cargos públicos de Ponteareas son baixos” Sen embargo a voceira do PP insistíu en criticar o que considera un aumento excesivo do gasto en remuneracións ao goberno local.
As manifestacións de Villar producíronse logo de que o edil de Bo Goberno, Roberto Mera, entregara aos concelleiros do PP unha copia da súa nómina de xullo, na que figuran 1.528 euros como salario líquido a percibir. O edil nacionalista lembrou que con ese soldo, que exemplifica o do resto dos concelleiros e concelleiras, “temos a responsabliidade de xestionar nada menos que un concello de 250 traballadores e 17 millóns de presuposto”. Mera amosouse perplexo con Villar por afirmar que os salarios son baixos e ao mesmo tempo pedir que se rebaixen máis e esixíu ao PP desculpas “por ter posto en dúbida a nosa honorabilidade acusándonos inxustamente de querer enriquecernos a costa da veciñanza, cando a realidade é que os nosos salarios non son acordes coa responsabilidade asumida”.
No debate, o goberno aportou os datos dos concellos galegos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, indicando que Ponteareas, con 180.000 euros anuais “é o que ten o menor gasto en salarios, fronte a cifras como os 309.000 de Lalín, 248.000 da Estrada ou os 654.000 de Arteixo” ou outros con poboación inferior aos 20.000 habitantes, como Sanxenxo con 276.000 euros ou Vilanova de Arousa con 201.000 euros. Mera preguntou a Villar se “os gobernantes de Ponteareas son menos ou valen menos que os desas localidades”, todas gobernadas polo PP.
Por último, o concelleiro de Bo Goberno lembrou que Villar tamén cobra unha adicación do concello de 20.000 euros brutos anuais e convidou á portavoz do PP “a non ser cómplice do escándalo que denuncia e a non beneficiarse do que critica. Se vostede di, falsamente, que os salarios subiron un 60%, quere iso dicir que o seu salario aumentou 7.500 euros: renuncie a eles ou dóneos a unha ONG” retou Mera, sen recibir resposta da portavoz popular.